30/7/08

A Deputación iniciará nas vindeiras xornadas as obras de mellora da estrada que une O Campo e Vila

• Os traballos forman parte do proxecto de acondicionamento da estrada que une as parroquias de Goente e Ribadeume

O goberno municipal ven de anunciar o inicio, nos vindeiro días, das obras de mellora da estrada que comunica as zonas de O Campo e Vila, na parroquia pontesa de Ribadeume.

Segundo aclararon dende o cabildo pontés, estes traballos son moi necesarios sobre todo no tocante á mellora do firme, mediante a aplicación dun novo aglomerado xa que o estado que presenta actualmente incide negativamente na calidade da circulación, ademáis de chegar a convertirse nun perigo para a seguridade dos conductores á hora de percorrer este tramo.

As obras, que terán un custo de case 300.000 euros, serán iniciadas o antes posible, sempre que a meteoroloxía así o permita.

Esta actuación forma parte dun proxecto máis ambicioso, que sufraga a Deputación da Coruña, e que inclúe o acondicionamento e mellora íntegra da estra que une Vila e Goente, a través de A Faeira, permitindo o enlace entre esta parroquia e as de Goente e Ribadeume.

Así as cousas, o goberno provincial xa puxo en marcha o proceso de adxudicación da redacción do citado proxecto e que conta cun orzamento de 55.000 euros.

Os traballos dividiranse en tres fases que sumarán un total de tres millóns de euros e pola parte das asociacións veciñais afectadas, a Deputación xa conta con toda a colaboura necesaria á hora de exercer como intermediarias no caso de posibles expropiacións, co fin de que este proceso se axilice o máximo posible.

Nesta mesma liña, o executivo municipal tamén acordou destinar unha dotación propia para a construcción dun viaducto á altura do río Rebardille o que permitirá evitar unha zona perigosa para os conductores, con moitas curvas e cunha ponte moi estreita e que, nestes momentos, é preciso atravesar para percorrer a citada estrada.

22/7/08

O Concello de As Pontes disporá de algo máis de 15 millóns de euros para afrontar o exercizo de 2008



• Os orzamentos recibiron a aprobación inicial por parte dos membros da cámara nunha sesión extraordinaria celebrada hoxe

O concello en pleno aprobou, de forma inicial, os orzamentos cos que contará o executivo municipal para o 2008 e que contemplan unha cifra global de 15,1 millóns de euros para o exercizo actual.

As contas do equipo de goberno recibiron luz verde nunha sesión plenaria de carácter extraordinario que se celebrou este mesmo mediodía na Casa Consistorial pontesa e que abría o concelleiro de Xestión Orzamentaria. Antonio Alonso calificou estes orzamentos coma un exemplo de aforro co que se permitirá evitar unha posible situación de déficit xa que, tal e como recalcou, optouse por non incluír varias subvencións que, a día de hoxe, non teñen garantida a súa concesión.

Neste senso, o edil defendeu o que definiu coma unhas contas realistas e sensatas que, malia o seu carácter conservador, superan as de exercizos anteriores.

Tal e como explicou Alonso, a intención do goberno municipal con estas cifras pasa por conter o gasto na medida do posible, sobre todo no capítulo adicado a persoal, no que se rexistrou un aforro do 5% con respecto a anos anteriores. Neste apartado, apostouse pola optimización de recursos pero sen afectar aos servizos que se prestan aos cidadáns, poñendo como máis claro exemplo o incremento nun 20% da partida adicada á acción social.

Así as cousas, estes presupostos destinan ao apartado de persoal unha partida de 5,5 millóns de euros, cifra similar á de exercizos anteriores, pero que nesta ocasión comprende a creación de tres novas prazas para o corpo da Policía Municipal e o incremento da xornada laboral de catro das seis auxiliares de axuda a domicilio e que nestes momentos só desempeñaban a súa laboral en réxime de media xornada.

Deste xeito, e malia que dende o equipo de goberno son conscientes de que esta medida non é de todo suficiente para atender a todos aqueles veciños que precisan desta axuda, reducirase de forma notable a lista de espera das persoas demandantes do servizo.

O alcalde Valentín González Formoso recalcou, ao igual que fixera con anterioridade o concelleiro de Xestión Orzamentaria, a prudencia dunhas contas nas que, por primeira vez, se reduce o gasto en persoal municipal cunha mellor redistribución dos recursos cos que conta o concello e a amortización de varias prazas, á vez que se incrementa nun 120% o capítulo de inversións coa futura posta en marcha do parque tecnolóxico da Vilavella para o que, tal e como recalcou o primeiro edil, xa se conta cun préstamo por parte do Ministerio de Industria de 2 millóns de euros, dos que 500.000 son a fondo perdido e o resto a devolver con interese 0.

Entretanto, os partidos da oposición optaron por non respaldar as citadas contas. Así as cousas, o voceiro do Partido Popular, Juan Eladio Pico, malia amosar o seu acordo co capítulo de ingresos, que definiu coma un exemplo de sentido común, solicitou unha nova revisión das contas por parte do equipo de goberno co fin de incrementar aínda máis a partida dirixida aos servizos sociais para solventar a problemática da carencia de persoal de axuda a domicilio.

En relación a este asunto, Antonio Alonso aclarou que será preciso agardar ata que se modifique a ordeanza municipal elaborada para a prestación deste servizo, co fin de adaptala á Lei de Dependencia. Asemade, neste senso, o concelleiro apuntou que, o vindeiro ano, incrementarase a xornada laboral das dúas profesionais que continúan a traballar a media xornada para facer fronte á demanda existente.

O grupo municipal do BNG solicitou a retirada dos orzamentos alegando defectos de forma e incluso calificando varias das partidas do capítulo de gastos coma un despilfarro. Asemade, os nacionalistas acusaron ao executivo municipal de dar lugar a unha situación de desagravio comparativo á hora de distribuír os complementos específicos entre algúns funcionarios que, a xuízo dos nacionalistas se realiza tendo en conta á persoa e non á labor que realiza.

Foi o propio alcalde o que saldou esta discusión asegurando que, o principal estandarte desta corporación é a transparencia polo que, en todo momento, se contou co asesoramento dos técnicos do concello para a distribución destes complementos que se fan, segundo aclarou González Formoso, atendendo ao grao de responsabilidade de cada operario sen implicar afinidades persoais.

Finalmente, e ante a ausencia de tres dos edís do Bloque Nacionalista Galego, entre eles o voceiro dos nacionalistas Xaime Castro, os orzamentos de 2008 contaron coa aprobación inicial de 8 dos 17 membros da corporación municipal. Unha vez publicadas as contas no Boletín Oficial da Provincia, abrirase un prazo de 15 para a presentación de alegacións a estes presupostos.

18/7/08

Media ducia de nenos saharauis pasarán estes meses de verán en As Pontes a través do programa Vacacións en Paz




• Os edís de Servizos Sociais e Participación Cidadá presidiron o acto de benvida a estes rapaces e ás súas familias de acollida


Sete nenos e nenas procedentes do campamento saharaui de Tinduf pasarán os dous vindeiros meses de verán entre os veciños de As Pontes grazas, un ano máis, ao programa Vacacións en Paz, que permite a pequenos arxelinos de entre 7 e 14 anos desfrutar de varias semanas vivindo unha cultura, constumes e forma de vida totalmente diferentes ao seu día a día.

Precisamente esta mañá, o concelleiro de Servizos Sociais, José Alén, xunto coa edil de Participación Cidadá, Montserrat García, eran os encargados de dar a benvida a estes pequenos e as súas familias de acollida a través dunha recepción oficial que tivo como escenario o salón de plenos da Casa Consistorial pontesa e na que tamén participou o delegado comarcal da Asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, Tomás Porto, responsable deste programa na nosa comunidade.

José Alén aproveitou esta cita para agradecer a solidaridade das familias pontesas que, un ano máis, tomaron parte nesta iniciativa logrando facer do verán destes nenos algo totalmente diferente ao que están acostumados a vivir, facendo referencia ás duras condicións nas que deben vivir, soportando temperaturas de ata 50 graos centígrados nestes meses de calor.

O edil ofreceu toda a colaboura do Concello para continuar a apoiar actividades deste tipo que, tal e como subliñou, se seguirán desenvolvendo en vindeiros anos. Precisamente, neste senso José Alén apelou á solidaridade das familias pontesas para que, o vindeiro ano, sexan máis as que decidan tomar parte neste programa e así lograr que moitos máis nenos poidan vivir esta experiencia, desconectando uns días da súa realidade para coñecer novas culturas. E é que tal e como recalcou o edil esta experiencia enriquece aos pequenos e tamén aos que os acollen.

Montserrat García sumouse ao agradecemento xa expresado polo seu compañeiro de corporación desexándolle aos pequenos unha boa estadía entre os ponteses. Asemade, a tamén tenente de alcalde apelou á colaboura cidadá para edicións posteriores comprometendo, unha vez máis, o apoio do goberno do que forma parte a este programa en vindeiras edicións.
Pola súa parte, Tomás Porto agradeceu a colaboura e implicación tanto do concello pontés coma das familias de acollida subliñando que, a través de actos desinteresados coma os destes días, Galicia xa é a segunda comunidade galega que máis nenos do Sáhara acolle con 845, 112 máis que en 2007, só por detrás de Andalucía.

A recepción clausurouse cunha entrega de agasallos por parte do Concello aos pequenos que fixeron as delicias de tódolos rapaces presentes.

Agora quedan por diante oito semanas nas que os pequenos poderán vivir dun xeito diferente, baixo un clima totalmente oposto ao típico da zona desértica da que proceden, desfrutar das festas patronais que acaban de comezar e convivir con outros nenos e nenas xa que, entre as actividades preparadas para eles está prevista, para o vindeiro mes de agosto, unha xornada de convivencia cos nenos e nenas que participan nos obradoiros lúdico-educativos que organiza Servizos Sociais e que se están a desenvolver no colexio Monte Caxado.

Asemade, ao longo da súa estadía en As Pontes estes sete nenos desfrutarán de atención médica, e é que xa foron sometidos a un exhaustivo recoñecemento médico á súa chegada a pasada semana, de entrada libre á piscina municipal e de múltiples actividades que lles permitirá coñecer unha realidade que en moitos casos lles resultaba allea.

16/7/08

Servizos Sociais abre unha nova oficina para xestionar as axudas ofertadas a través da Lei de Dependencia

• A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo, será a encargada de asumir o custo deste novo servizo


A Concellería de Servizos Sociais ven de abrir ao público unha nova oficina a través da cal se tramitarán tódalas axudas incluídas na Lei de Dependencia aprobada hai uns meses polo goberno estatal.

A posta en marcha deste servizo supuxo a incorporación ao plantel desta concellería dunha nova traballadora social, a través do Programa de Cooperación que promociona a Xunta de Galicia, que será a encargada de asumir o custo deste novo servizo.

Segundo aclarou o edil de Servizos Sociais, José Alén, coa apertura deste servizo o que se pretende é, entre outros fins, facilitar a implantación e mellor desenvolvemento da lei 39/2006, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención a persoas en situación de Dependencia, tamén coñecida como Lei de Dependencia.

Neste senso, José Alén aclarou que a posta en marcha desta nova lexislación implica unha meirande carga de traballo o que interfire negativamente nos procedementos administrativos, ralentizándoos. Coa incorporación desta nova traballadora o que se pretende dende o Concello é responder dunha forma máis eficiente ás demandas das persoas dependentes residentes no municipio, desconxestionando este servizo.

Seguindo esta mesma liña, o concelleiro de Servizos Sociais subliñou a importancia de atender a este grupo poboacional xa que o seu correcto coidado é non só a base da política social, senón tamén un dos seus grandes retos. Asemade, o edil quixo facer fincapé na necesidade de que As Pontes conte cun bo servizo de atención primaria, preparado tanto con recursos coma con persoal debidamente cualificado para atender as demandas e retos que supón a aplicación da Lei de Dependencia e que afecta a un gran sector.

Nembargantes, entre as tarefas que asumirá a nova traballadora social tamén se inclúen o informar e asesorar a tódalas persoas que se poidan ver afectadas pola Lei de Dependencia, tramitar as solicitudes precisas para a Valoración do Grao e Nivel de Dependencia, realizar as visitas pertinentes á persoa solicitante para elaborar o informe social necesario no proceso de tramitación e confeccionar unha proposta de plan de coidados para a Promoción da Autonomía Persoal e Atención a Dependencia (P.I.A) do veciño ou veciña afectado co seu correspondente seguimento.

Esta nova oficina estará ubicada no mesmo departamento de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, e non suporá custo algún para as arcas municipais ao longo dos nove meses nos que estas dependencias se atopen operativas xa que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo, será a que asuma tódolos gastos xerados por este servizo.

15/7/08

PROGRAMA FESTAS 2008



PULSA NA IMAXE PARA AUMENTALA

11/7/08

Medio cento de nenos participan estes días nos Obradoiros Lúdico- Educativos impulsados por Servizos Sociais




• Sete monitores son os encargados de desenvolver as diferentes actividades vinculadas con temáticas que varian semanalmente


Dende a pasada semana un total de 57 nenos e nenas ponteses, de entre 4 e 11 anos, están a participar, un ano máis, nos Obradoiros lúdico-educativos, organizados polo departamento de Servizos Sociais, co obxectivo de conciliar vida laboral e familiar ao longo das semanas de verán nas que os pequenos se atopan xa en plenas vacacións, mentras que os seus pais deben aínda traballar.
Para este ano, a concellería que dirixe José Alén optou por incrementar o número de prazas ofertadas das 45 existentes ata as 60 actuais que casi se completaron na súa totalidade para este mes de xullo, 5 das cales ían dirixidas a rapaces con necesidades educativas especiais.
Xa en agosto redúcese a cifra de rapaces que tomarán parte nestas actividades de verán ata os 40 xa matriculados o que tamén é sinónimo, tal e como subliñou o propio edil, de éxito e é que nese mes baixa de forma moi considerable o número de residentes no concello.
No tocante ás novidades que ofrece este ano este servizo, ademáis do incremento no número de prazas, rexistrouse un cambio de ubicación, trasladándose ata o colexio Monte Caxado, onde un grupo de sete profesionais en educación da empresa Atalaia Social se encarga de luns a venres dos nenos ou ben xa dende a hora do almorzo, ás 08.30 horas, ou un pouco máis tarde, ás 10.00.
Malia que aínda quedan tres semanas por diante, moitas son as actividades que están a desenvolver os máis pequenos onde se mesturan a aprendizaxe con aspectos máis lúdicos, coma os xogos, as actividades plásticas ou a lectura, sempre adaptados ás diferentes idades coas que se está a traballar xa que os nenos están divididos en tres grupos.
Nembargantes, o máis atractivo é a propia estructura do día a día xa que, cada semana, está adicada a un elemento (terra, aire, auga…) sobre o que xiran as actividades de cada día nos que as explicacións sobre o elemento protagonista se unen a propostas máis lúdicas e incluso a visitas especiais.
Precisamente, esta mañá dous dos membros da Asociación de Caza e Pesca A Venatoria achegábanse ata Monte Caxado para falarlles aos nenos da importancia do coidado dos ríos e da vida das troitas aínda que mañá será o día máis especial no que se pasará da teoría á práctica coa cana de pescar.
Xa en sucesivas semanas está previsto que varios axentes da policía pontesa se trasladen ata o centro escolar para impartir unha clase de educación vial. Asemade, estase a traballar para contar coa presenza dalgúns membros da Banda Municipal co fin de que interpreten algúns temas e que así os rapaces comecen a coñecer tódolos recursos cos que contan no seu municipio. Asemade, os rapaces xa pudieron desfrutar dalgunha saída coma a que protagonizaban o pasado venres cunha visita ao Parque Comarcal de Bombeiros, ubicado no Polígono dos Airíos, onde coñeceron de primeira man o traballo destes profesionais.
Todo isto mestúrase con actividades deportivas coma o fútbol ou o baloncesto e xogos tradicionais, da talla da mariola ou o salto á comba, que se desenvolven no tempo de recreo e incluso impártense clases de valores nas que se lles ensina aos pequenos a importancia de tratar ben aos demáis nenos, o porqué de coidar o noso entorno ou a necesidade de respetar aos seus pais.

9/7/08

O monologuista Rober Bodegas achegará o vindeiro domingo o seu espectáculo de humor ata o auditorio pontés do Alovi





A oferta cultural complétase coa XXIII Mostra de Música Coral e coa exposición adicada ao X Certame Isaac Díaz Pardo de Artes Plásticas

O cómico coruñés Rober Bodegas será esta fin de semana un dos principais atractivos da programación preparada para os vindeiros días polo o Departamento de Cultura.
O monologuista gañador do programa de Televisión Española El Rey de la Comedia ofrecerá, na noite do domingo, un espectáculo no que os monólogos sobre elementos tan cotiáns coma os iogures, o erguerse cada mañá ou as consecuencias dunha noite de festa serán os principais reclamos para a que será unha noite de gargalladas aseguradas.
Nado no municipio de Carballo, este contacontos, cómico e agora guionista e colaborador no programa Sé lo que hicisteis… da Sexta xa suma varios premios ás súas costas coma o Certame de dramatización de monólogos cómicos, do Festival de Outono de Teatro ou o Certame da comedia da Bienal da caricatura de Ourense.
Compartiu escenario con algúns dos mellores monologuistas do país coma Carlos Blanco, Quequé ou Don Mauro, e nestes momentos traballa con Cándido Pazón e Paula Carballeira na obra teatral Contamos Contigo, ademáis de estudar con xenios da comedia coma Leo Bassi ou Jango Edwards.
O espectáculo de Rober Bodegas terá como escenario o auditorio municipal Alovi dando comezo ás 21.00 horas. As entradas poderanse adquirir na taquilla do auditorio pontés o venres entre as 12.00 e as 13.30 horas, o sábado de 19.00 a 20.30 horas e o mesmo día do espectáculo dende as 19.30 horas, a un prezo de tres euros con descontos para maiores de 65 anos, menores de 12 anos ou posuidores do Carné Xove e de estudante.

XXIII MOSTRA DE MUSICA CORAL E X CERTAME ISAAC DIAZ PARDO

XXIII Mostra de Música Coral
O sábado tamén será posible desfrutar do espectáculo no auditorio municipal Alovi pero desta vez a música será a protagonista coa XXIII edición da Mostra de Música Coral que organiza a agrupación Coral Endesa.
Dende ás 20.00 horas, e de forma gratuíta, os que así o desexen poderán asistir a un recital que, ademáis da coral anfitriona, contará coas marabillosas voces da Coral Lembranzas da Terra, de Valdoviño; a Coral Polifónica de Llanera, de Asturias; e a coral cántabra Virgen Consolación de San Fellices de Buelna,

Exposición X Certame Isaac Díaz Pardo
Finalmente, nos próximos días é posible desfrutar na sala de exposicións do Mercado Vello das obras que compoñen o X Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, convocado pola Deputación da Coruña.
Esta colección, que abría as súas portas o pasado martes, está composta por unha selección de 31 obras das 237 que se presentaron a esta convocatoria nas que se mesturan manifestacións artísticas tan dispares coma a pintura, a escultura, o deseño e a imaxe.
Trátase dunha colección que ao longo destes meses, percorrerá dez concellos da provincia e coa que, un ano máis, se pretende render homenaxe á figura deste gran creador e intelectual galego como é Isaac Díaz Pardo.
María del Carmen Alonso Encinas, Víctor Casas, Ana Cambeiro, Alberto Gende Díaz, Yolanda Martínez Dorda, María Meijide Fraga, Héctor Francesca, Francisco Escudero ou Julio Lago Herbello son algúns dos autores cuias obras estarán presentes nesta exposición.
A mostra poderá ser visitada de martes a sábado en horario de 12.00 a 13.30 horas e xa, polas tardes, entre as 19.00 e as 20.30 horas.

8/7/08

A deputada provincial Montserrat García participará na visita protocolaria que organiza a Deputación da Coruña a Zaragoza

• A tamén edil no Concello de As Pontes formará parte dun grupo que comandará o presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda

A deputada provincial e concelleira de Participación Cidadá Montserrat García formará parte da comitiva que se desprazará ata Zaragoza na visita, de carácter protocolario, que organiza a esta cidade a Deputación da Coruña.
A edil pontesa integrará unha comitiva que estará comandada polo presidente do goberno provincial Salvador Fernández Moreda.
Mañá será precisamente a Expo 2008 a que acollerá a representantes do goberno provincial e tamén aos nenos que toman parte nas dúas primeiras quendas de rapaces e rapazas coruñeses que tiveron a oportunidade de participar nesta viaxe. Xa na xornada de xoves, os visitantes poderán percorrer encraves tan míticos da cidade maña coma a Basílica del Pilar, A Seo de San Salvador, O Teatro Romano ou o Palacio de Alfarería.
Asemade, os representantes do goberno autonómico poderán despedir á primeira quenda de rapaces e dar a benvida ao terceiro grupo de estudantes que toman parte nesta iniciativa coa que se retoma o programa de viaxes culturais Vivir o mundo, patrocinado pola Deputación e que conta cun orzamento de 336.000 euros. Precisamente, grazas a este programa, en anos anteriores, diferentes grupos de nenos e nenas coruñeses pudieron coñecer cidades coma Barcelona, Bruxelas, Sevilla, Madrid ou París.
Un total de 800 rapaces de 94 concellos diferentes poderán participar nesta viaxe ao longo de todo o mes de xullo, en diferentes quendas, entre eles un grupo de 16 ponteses e pontesas que partirán cara Zaragoza o día 19, regresando o 23 de xullo, xunto con rapaces dos municipios de Monfero, Fene, Cabanas, Ares, Vilarmaior, Irioxa, Neda, Pontedeume, Miño, Mugardos, Paderne e A Capela.
Este grupo de case un centenar de estudantes partirá en autobús dende os seus respectivos concellos para unirse na estación de ferrocarril de A Coruña onde collerán un tren que, tras 12 horas de viaxe, os deixará en Zaragoza.
Alí contarán coa atención dun grupo de dez monitores da zona que se sumarán aos respectivos guías de cada unha das expedicións e que se encargarán de amosar aos pequenos, ao longo de cinco días, as marabillas que se agochan tanto na Expo 2008 coma na propia cidade aragonesa.

6/7/08

Exposición fotográfica

Exposición fotográfica sobre o mundo do Raid que se atopa xa aberta ao público na Casa Dopeso. Unha mostra que procede do arquivo do Clube Gallaecia Raid composta por case medio cento de instantáneas nas que non faltan fotografías dos últimos campionatos mundiais e europeos, que tiveron como escenario os países de Chile ou Arxentina, entre outros.

3/7/08

O Concello de As Pontes será escenario, a próxima fin de semana, do Campionato de España de Raids de Aventura 08


• A proba foi presentada pola deputada Montserrat García, a edil de Deportes de As Pontes, o presidente do clube Gallaecia Raid, Pablo López, e un representante da federación española desta disciplina
A vindeira fin de semana As Pontes acollerá o Campionato de España de Raids de Aventura 2008. Memorial José Ramón Corral.
A proba foi presentada esta mesma mañá na Casa Consistorial pontesa da man da deputada autonómica Montserrat García e a edil de Cultura e Deporte, Eva Conde. Asemade, no acto tamén se contou coa presenza do presidente do clube pontés Gallaecia Raid, Pablo López, e do representante da Federación Española de Orientación, José Manuel Sancomed, e conta co patrocinio do Concello de As Pontes, a Xunta de Galicia e a Deputación de A Coruña.
Os catro fixeron un chamamento á poboación para que sigan as evolucións desta proba tan espectacular na que, segundo a organización, está prevista a participación de medio cento de equipos na categoría Élite. A esta cifra é preciso sumar os deportistas que se animen a tomar parte nunha proba que se desenvolverá de forma paralela, cun menor nivel de esixencia e que leva o nome de Aventura.
A edil de Cultura e Deporte amosou a súa satisfacción pola elección de As Pontes como lugar de desenvolvemento desta proba, convidando aos veciños a desfrutar dun deporte que poucas veces se ve no municipio pero que é realmente espectacular.
Asemade, esta proba contará cunha importante carga emotiva xa que está adicada ao piragüista pontés José Ramón Corral que tamén formaba parte do clube Gallaecia Raid.

A Competición
Este campionato estatal estará composto por dúas probas, unha dirixida á élite na que se percorrerán preto de 220 quilómetros e outra de aventura, menos esixente fisicamente e con 150 quilómetros.
Na primeira destas citas os tres componentes de cada equipo deberán estar continuamente en carreira, mentras que en aventura poden estar tan só dous cun relevo de asistencia.
Os equipos deberán afrontar probas de rappel, barranquismo, tirolina, carreira a pe, tiro con arco, orientación, escalada, bicicleta, canoa, patín en liña e orientación nocturna que se desenvolverán en encraves de doado acceso para o público e debidamente sinalizados para que os veciños desfruten desta competición, como son O Caneiro ou o mesmo casco urbano do municipio, por onde está previsto que se desenvolva a proba de patíns en liña ou parte da carreira en bicicleta.
O vindeiro día 11, o pavillón polideportivo municipal acollerá o acto de recepción dos participantes neste trofeo, ademáis da entrega da documentación a tódolos equipos.
Xa o sábado, ás 08.00 horas, darase a saída da primeira etapa dende o patio do Colexio Santa María, deixando para o domingo unha etapa de cinco horas só para a categoría Aventura, mentras que a proba Élite desputarase en formato non-stop, dando comezo o sábado.

Outras actividades
O espectáculo non quedará só en desfrutar con estes deportistas xa que os que así o desexen poderá participar tamén o sábado en diversas actividades que pretenden achegar este deporte ao público en xeral.
Diante do polideportivo municipal, dende ás 10.00 horas, desenvolveranse prácticas de tirolina, tiro con arco, orientación e ata un rocódromo para todo o que se achegue a este emprazamento.
Asemade, ao longo dos vindeiros días será posible visitar a exposición fotográfica sobre o mundo do Raid que se atopa xa aberta ao público na Casa Dopeso. Unha mostra que procede do arquivo do Clube Gallaecia Raid composta por case medio cento de instantáneas nas que non faltan fotografías dos últimos campionatos mundiais e europeos, que tiveron como escenario os países de Chile ou Arxentina, entre outros.

O goberno en pleno da luz verde ao acordo que permitirá a As Pontes sumarse á Rede 060 de atención ao cidadán






As Pontes adherisase á Rede 060 de atención ao cidadán que permitirá que os veciños conten cunha relación e contacto máis estreito coas administracións tanto autonómica coma estatal.
Así o decidiu esta mañá a corporación municipal nunha sesión plenaria de carácter ordinario que se desenvolveu ao longo de dúas horas.
Este primeiro punto de relevancia dentro da orde do día recibiu a aprobación unánime de tódolos membros do cabildo pontés, e que substituirá ao xa obsoleto Convenio Marco de Ventanilla Única entre a administración local e a autonómica, e que expirou o pasado mes de febreiro.
Agora o único trámite que queda pendente para a posta en marcha deste servizo é a sinatura, nas vindeiras semanas, do acordo de adhesión a este programa e que dará lugar á creación dunha oficina de Nivel 1 para atender aos cidadáns. Estas dependencias ofrecerán servizos de recepción, rexistro e remisión de documentos tanto á Xunta de Galicia coma ao goberno do Estado, o que permitirá achegar estas dúas administracións aos veciños e veciñas do municipio.
No apartado adicado ás mocións, tres foron as propostas a debatir polo pleno trala fusión de dous escritos presentados polo PSOE e BNG en relación ao mesmo asunto.
Así as cousas, os 17 membros da corporación municipal deron o seu beneplácito a un escrito no que o concello de As Pontes rexeita a proposta de modificación da xornada laboral ata un máximo de 65 horas semanais e que, hai uns días, era aprobada polo Parlamento Europeo xa que a xuízo de tódolos grupos políticos municipais supón un retroceso nos dereitos dos traballadores. Este documento será agora remitido tanto á Xunta de Galicia coma ao goberno central, ademáis de ao Parlamento Europeo e a tódolos partidos políticos con representación nesta cámara.
Por outra banda, o grupo municipal do BNG presentou un segundo escrito no que se propón demandar á Xunta de Galicia que negocie co goberno do estado a supresión da peaxe da AP-9, no tramo entre Fene e Pontedeume, ademáis da construcción dun acceso a este vial á altura da zona de Andrade.
Dende o BNG subliñaron que esta é a única medida efectiva á hora de eliminar as continuas retencións de tráfico que se producen na ponte que enlaza os municipios de Cabanas e Pontedeume.
A moción nacionalista contou co apoio de tódolos membros da cámara pontesa.
Este apartado pechouse cun novo escrito do BNG no que se solicitou ao equipo de goberno a cesión dunha parcela municipal, ubicada na rúa Otero Pedrayo, para a construcción de vivendas protexidas dirixidas a xente nova.
A proposta foi finalmente rexeitada xa que, tal e como explicou o alcalde Valentín González Formoso, o primeiro fin desta parcela é un futuro xeriátrico público polo que, de momento, o terreo poñerase a desposición da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para acoller este servizo que, a xuízo do primeiro edil, é máis necesario que a construcción de vivendas.
Rogos e preguntas
No apartado adicado aos rogos e preguntas, o BNG interesouse polo estado da estrada que enlaza o polígono de Penapurreira coa comarcal que une As Pontes e Goente, unha infraestructura que se atopa pechada ao tráfico.
Valentín González Formoso aclarou que ahí certos problemas con Augas de Galicia, Xestur e Einsa, que retrasan esta apertura pero que se solventarán en próximas datas.
María Xesús Romero, edil do BNG, quixo coñecer a situación dos centros escolares ponteses con respecto ao persoal docente co que contarán no vindeiro curso, xa que, segundo explicou, a nova política da Consellería de Educación podería facer que se reducise o número de profesores nos centros do municipio.
Neste senso, a concelleira de Cultura, Eva Conde, asegura que, de momento, ningún colexio notificou tal problema ao concello, comprometéndose a falar cos representantes dos distintos centros para interesarse por esta posible problemática.
Tamén dende as filas nacionalistas demandaron a creación dunha comisión urgente encargada de controlar a aplicación da ordenanza municipal sobre normalización lingüística. Con respecto a este tema, o equipo de goberno recalcou que non se considera tan urxente esta medida e que, xa que se aprobou en 2006 cando aínda gobernaba o BNG, non se comprende o porqué da urxencia nestes precisos instantes e non cando o goberno pontés estaba baixo o control dos nacionalistas.
Outro dos asuntos a debatir foron os supostos niveis elevados de metais pesados na auga potable que consumen os veciños e veciñas do concello e que, dende o BNG, aseguraron coñecer a través das análises realizadas por un veciño do municipio.
En relación a este asunto, Valentín González Formoso aclarou que as analíticas da auga realizadas periodicamente por Aquagest contan co aval da Consellería de Sanidade e do Ministerio de Medioambiente, tachando de total irresponsabilidade o comportamento do veciño que conta con esas probas e que aínda non deu notificación algunha desta problemática ao concello.
Sen abandoar temas de medio ambiente, a situación actual do río Chamoselo tamén foi obxecto das dúbidas da oposición.
Con respecto ao estado tanto deste río coma do Eume, a voceira do equipo de goberno, Montserrat García, asegurou que, dende a súa chegada ao poder, os socialistas fixeron todo o que estaba nas súas mans para solventar esta situación, demandando información e solucións aos organismos competetentes para rexenerar de forma íntegra este río. E é que tal e como explicou a tamén edil de Participación Cidadá, polo que se está a loitar dende o concello é por que se recupere integramente este afluente.
A sesión rematou co anuncio por parte do executivo municipal da posta en marcha dunha campaña de concienciación para evitar actos vandálicos, en resposta á cuestión plantexada polo concelleiro do PP Juan Eladio Pico en relación a este asunto. Segundo asegurou a propia Montserrat García en setembro ou outubro darase comezo a esta iniciativa, coincidindo co comezo do curso escolar.

2/7/08

Mañá xoves presentarase unha nova edición do Campionato de España de Raid que se desenvolverá en As Pontes

• Trala rolda de prensa, está previsto que se inaugure unha mostra fotográfica que plasma diferentes competicións estatais e mundiais


As concelleiras de Participación Cidadá, Montserrat García, e Cultura, Eva Conde, presentarán mañá, en rolda de prensa, o Campionato de España de Raid de Aventura 2008. Memorial José Ramón Corral, nun acto que terá lugar ás 13.00 horas no salón de plenos da Casa Consistorial pontesa.
Os días 12 e 13 de xullo As Pontes acollerá esta proba nacional que conta co patrocinio da Federación Española de Orientación e tamén do propio concello e na que se darán cita grandes equipos coma os cataláns Buff-Coolmax ou os fineses Multisport.fi.
Unha vez rematado este acto público, a comitiva desprazarase ata a Casa Dopeso onde está previsto que se inaugure unha exposición formada por máis de medio cento de instantáneas procedentes do arquivo do clube pontés Galaecia Raid e nas que se reflicten competicións tanto nacionais, coma é o caso de distintos campionatos de España, ata citas da relevancia dos campionatos do mundo celebrados en Arxentina, Brasil ou Chile.

O concello abre mañá o prazo de solicitude das autorizacións para a construcción das cabanas para a Festa da Fraga

• Dende a Concellería de Participación Cidadá apostan por concienciar ós romeiros en prol do respeto e coidado do Parque de Dona Rita


O concello de As Pontes abrirá mañá xoves o prazo para reservar unha parcela na que construir as xa tan afamadas cabanas para a Romería da Fraga.
Así as cousas, os grupos de amigos e familias que este ano desexen tomar parte nesta tradicional romería pontesa construindo a súa cabana deberán inscribirse previamente no rexistro do concello, adxuntando unha fotocopia do seu documento nacional de identidade, os seus datos persoais e teléfono de contacto. Asemade, tamén será posible formalizar esta inscrición nas oficinas da policía municipal en horario de tarde.
Unha vez inscritos farase entrega dun número e un cartel que, posteriormente deberán colocar nun lugar visible da construcción, co fin de facer un control máis fiable dos romeiros, das cabanas e da posterior limpeza do Parque de Dona Rita, xa que, unha vez marcada cada parcela, éstas situaranse nun plano co que se poderá levar un control máis exhaustivo.
O vindeiro día 11 foi a data escollida polo Concello para proceder á marcaxe das parcelas, respetando os espazos de paso e identificando cada parcela co cartel entregado no momento da solicitude da autorización, xa que nesa mesma xornada procederase a realizar o primeiro control.
Segundo anunciaron dende o goberno municipal, realizaranse dúas inspeccións denantes da celebración da afamada Romaría da Fraga para evitar que algunha cabana non conte coa pertinente autorización. Ademáis, mediante estas medidas o que se busca é evitar as excesivas apropiacións de espazo por parte dos grupos de romeiros e protexer unha paraxe pontesa que non pode pagar o resto do ano as consecuencias de dous días de festa.

Dende a Concellería de Participación Cidadá, responsable desta iniciativa, fixeron un chamamento á concienciación cidadá en prol do respeto e coidado do Parque de Dona Rita nestes días de festa. Asemade, dende o goberno municipal, apelaron ao civismo e á responsabilidade de tódolos romeiros que toman parte nesta convocatoria co fin de lograr da Festa da Fraga unha celebración respetuosa co entorno que a acolle.
Actuacións estelares
No tocante ao programa preparado con motivo da celebración das Festas do Carme, o día 19, no heliporto da Canle IV, celebrarase, pasada a medianoite, un concerto protagonizado polos grupos Cómplices e La Guardia.. Xa para a noite do 20 de xullo, ata As Pontes se desprazará o grupo Efecto Mariposa nun recital que repetirá escenario e horario da xornada anterior e no que o grupo que lidera Susana Alva presentará o seu recopilatorio Vivo en Vivo.

1/7/08

O Concello de As Pontes colaborará este verán na campaña 2008 do Centro de Transfusión de Galicia

• Dende a Concellería de Servizos Sociais apelaron á solidariedade dos ponteses e pontesas para que participen nesta iniciativa do CTG

O Concello de As Pontes e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) traballarán conxuntamente para animar a tódolos veciños e veciñas do municipio a tomar parte na campaña de doazón que desenvolverá nos vindeiros meses o CTG, co fin de apelar á solidaridade cidadá á hora de doar o seu sangue.
Baixo o lema Salva Vidas. Comparte Saúde. Doa Sangue está previsto que se repartan por todo o concello uns tarxetóns indicando os días e horas que será posible achegarse ata a unidade móvil do CTG que se desprazará ata As Pontes ao que será preciso sumar os anuncios nos medios de comunicación locais.
O edil de Servizos Sociais, José Alén, quixo facer un chamamento a tódolos ponteses e pontesas para que tomen parte nesta campaña de verán xa que, segundo aclarou, “con este acto altruista no que só investimos dez minutos podemos salvar moitas vidas”.
E é que, segundo os datos ofrecidos dende o CTG, nos vindeiros tres meses serán necesarias un total de 44.000 doazóns de sangue para cubrir as necesidades de tódolos centros hospitalarios de Galicia, garantindo o correcto desenvolvemento do labor asistencial nos centros sanitarios galegos.
Neste senso, o concelleiro tamén recalcou que ao longo de todo o proceso extractivo manteñense os máximos controis, evitando calquer tipo de posible infección mediante o emprego de material completamente esterilizado e de un único uso, o que evita calquera posibilidade de contraer algunha doenza.
As Pontes súmase así a un listado composto por case 200 concellos galegos que tamén toman parte nesta iniciativa e no que ocupa un bo posto con cifras como 941 doazóns de sangue no 2006, o que supera o índice recomendado pola Organización Mundial da Sáude, ao que é preciso sumar que As Pontes é o segundo concello da comarca que máis doazóns rexistrou en 2007, con 78 doazóns por cada milleiro de habitantes.

A unidade móvil do CTG estará no municipio mineiro mañá e mailo xoves, diante do Centro Social da Terceira Idade, entre as 10.00 e 14.00 e as 16.00 e 21.00 horas.