10/6/08

O Concello e Mundo Cooperante traballan nunha Bahra Party co fin de recadar fondos para proxectos solidarios

· O colexio Santa María acollerá o 5 de xullo xogos infantís, exposicións fotográficas e incluso algún concerto co fin de recadar fondos para os proxectos na India que desenvolve esta ONG

As Pontes acollerá o vindeiro 5 de xullo a primeira edición da festa solidaria Bahra Party, unha iniciativa auspiciada polo concello pontés, a través do Departamento de Servizos Sociais, e a organización non gubernamental Mundo Cooperante.
Con esta iniciativa, Mundo Cooperante pretende recadar fondos para os proxectos que está a desenvolver actualmente, incluídos no seu programa New Light de cooperación que se está a desenrolar en varios dos países máis pobres do mundo como Colombia, Kenia, Ecuador ou a India. Precisamente, os fondos recadados con esta festa irán destinados a este último onde esta ONG traballa cos máis indefensos: os nenos, creando fogares de acollida para pequenos e adolescentes do barrio vermello de Kalighat, na cidade de Calcuta, e cuias nais son traballadoras sexuais.
Nestes centros os pequenos reciben educación, alimentación, asistencia técnica e protección o que lles permitirá, sobre todo ás nenas, saír desta barriada para labrarse un futuro alonxado do mundo da prostitución. Asemade, nestes fogares de acollida tamén se traballa coas prostitutas informándoas sobre as diferentes enfermidades de transmisión sexual, coma a Sida, e os métodos de prevención das mesmas.
A Bahra Party é unha festa dirixida ao público infantil e xuvenil onde os asistentes poderán desfrutar de exposicións fotográficas coa solidariede como tema común ou de música xa que está previsto que ao longo deste día se conte con dúas actuacións.
Asemade, tamén se instalará un posto de productos de comercio xusto que poderán adquirir tódolos asistentes a esta cita. O programa para esta xornada complétase con varios obradoiros, xogos e actividades dirixidas aos máis pequenos, como un taller de globoflexia e outro de pintura de dedos, hinchables e ximcanas.
E para refrescarse instalarase unha barra na que se servirán bebidas aos asistentes a prezos populares.
A convocatoria leva por nome Bahra, un termo que se emprega no idioma hindi para designar unha gran festa. A orixe desta convocatoria solidaria haina que buscar en Madrid onde, dende o 2004, se desenvolve esta celebración e á que agora se unen ademáis de As Pontes, cidades coma Barcelona, Úbeda, Aranxuez, Alcobendas e tamén A Coruña onde, en novembro de 2007, se organizou unha inciativa similar que acadaba un gran éxito de participación.
Dende o departamento de Servizos Sociais, o seu máximo responsable José Alén quixo facer un chamamento á solidaridade e participación de tódolos veciños e veciñas de As Pontes, en especial aos máis novos, xa que, tal e como explicou, “a través do ocio e diversión duns poucos se está a colaborar para que moitos poidan gozar de servizos tan básicos como atención médica ou educación”.
Precisamente, o edil pontés non dubidou do éxito da convocatoria tralos bos resultados de participación optidos noutras actividades desenvolvidas por Mundo Cooperante no concello como charlas nos centros educativos ponteses sobre a súa labor ou obradoiros para os máis pequenos e que se levaron a cabo hai varios meses.
A cita coa solidaridade será na carpa instalada no patio do colexio pontés de Santa María ás 17.00 horas e a entrada ten un custo de 3 euros, o que inclúe acceso a tódalas actividades que se realicen nesa xornada.

No hay comentarios: